Dende a xira por Alemania gustaríame compartir con vós unha lembranza por alguén que ven de ser despedido en Vigo polos seus alumnos e amigos: Enrique Otero.
El foi un dos meus primeiros mestres de gaita, cando eu tiña apenas 11 anos. Daquela Enrique conseguira algo novo: A entrada da Gaita no Conservatorio de Música.
Home miúdo pero de gran fortaleza física e mental, nas suas clases era, ao mesmo tempo, durísimo e cariñoso coma ninguén. Transmitía con tanta intensidade que facilmente facía saltar as bágoas!
Pero o seu método daba resultado… Podemos asegurar que a meirande parte dos seus alumnos practicaban unha inconfundible “dixitación enérxica” que raramente se estilaba nos domininios do punteiro.
Ricardo Portela, por considerarse de estilo pontevedrés, enmarcaba o seu propio toque como un subgrupo da ribeira con certas características da montaña: “facemos das pezas de danza algo solemne”. Pois ben, para min, Enrique Otero representaba o paradigma do xeito das Rías Baixas, en concreto dos gaiteiros da Ría de Vigo: Esa gaita tan apaixoada que pode chegar a ser sorprendentemente a máis alegre e a máis triste de todas.
Que casualidade que Enrique nos deixe na mesma cidade na que Rosalía de Castro publicou hai xusto 150 anos aqueles versos onde ela se
preguntaba se a gaita ría ou choraba.
Ata sempre querido maestro, intentaremos seguir o teu ronsel.
Carlos