O día 15 de febreiro Carlos Núñez actuará no teatro Amadeo Roldán da Habana como solista da Real Filharmonía de Galicia. Será a primeira vez que Carlos faga o seu programa sinfónico cunha orquesta galega, despois de tocar con orquestas en Alemania, EE.UU., Xapón, Italia, Francia, Reino Unido, etc.
Carlos actuou en Cuba por vez primeira en 1993, no histórico Teatro García Lorca do Centro Galego da Habana. Nese concerto foran os seus invitados La Vieja Trova Santiaguera, cos que se interpretou o Para Vigo me Voy de Lecuona, que daquela estaba prácticamente esquencido, malia o seu grande éxito décadas atrás. Dende a súa gravación no primeiro disco de Carlos volveu ser o grande paradigma destas músicas emigrantes.
Esa visita á illa hai xa 15 anos, faríalle descobrir a música galega na emigración americana, cuxo interese máis evidente é a fusión que se produciu coas músicas latinas, como foi o caso da canción Galleguita, unha cubanización de Unha Noite na Eira do Trigo, sen dúbida a canción galega que máis callou en Cuba.
Pero esa viaxe tamén foi o descubrimento da conservación na emigración de maneiras de facer música galega arcaicas, que en Galicia despareceran, especialmente trala guerra civil. Isto é especialmente evidente en Cuba, onde neses primeiras visitas aínda vivían gaiteiros galegos moi velliños - algún deles pasaba dos 100 anos, como Clemente Brañas-, que tocaban nun estilo desaparecido xa prácticamente en Galicia. Eses gaiteiros foran máis tarde obxeto dun documental, Los últimos Gaiteros de La Habana, Premio Iberoamericano de Periodismo Rey de España 2004, no que aparece o encontro de Carlos cun dos derradeiros gaiteiros da Habana vivos daquela, Eduardo Lorenzo. Hoxe non debe quedar case ningún.
Contoulle todas estas historias a Paddy Moloney dos Chieftains e a Ry Cooder, con quen Carlos estaba a gravar en Nova York. Ambos se animaron, e en 1995 graváronse nos estudios da Egrem, con eles dous mailo resto dos Chieftains, ademáis de varios músicos cubanos (Omara Portuondo, Cachaíto, Pancho Amat, Richard Egües…), varios temas para o disco “Santiago”, que gañaría un Grammy. Ry Cooder voltaría uns meses despois e con varios dos mesmos músicos gravaría Buena Vista Social Club.
Hoxe, esa inexplorada conexión da música galega con América gracias aos nosos emigrantes, xa é parte do noso imaxinario.